Considerando as últimas manifestacións en defensa da calidade da educación e a favor do ensino público e a situación e repercusión dos recortes no noso centro, un grupo de pais e nais queremos informar:
- Temos no centro profesorado que imparte docencia que non é da súa especialidade, e iso indubidablemente podería repercutir negativamente na calidade do ensino que os nosos fillos e fillas están a recibir. Ante esta situación temos constancia do grande esforzo que está a realizar o colectivo docente para levar adiante do mellor modo o seu traballo.
- Constatamos que as prazas de profesorado de baixa non sempre se cobren con profesorado substituto. Nestes casos, e tal e como sucedeu a finais do curso pasado, os nosos fillos e fillas non poden ter continuidade na súa educación, nin un seguimento personalizado, e deben ser atendidos polo resto do colectivo docente, que axusta os seus horarios e ten que restar horas dedicadas a outras actividades educativas e de dinamización en favor da calidade da educación para cubrir esas baixas.
- Hai necesidade de coidadores e persoal de apoio para o alumnado de educación infantil e para os nenos e as nenas con necesidades educativas especiais e a Consellería non presta atención a estas carencias. O profesorado atende estas necesidades.
- Non hai persoal administrativo no centro e o equipo directivo asume estas tarefas e as compaxina co seu labor docente como boamente pode.
- Suprimiuse unha praza de profesorado PROA, un programa de reforzo, orientación e apoio escolar polas tardes para o alumnado con dificultades socioculturais e económicas.
- Seguimos sen resposta nin baremación pública respecto á solicitude de participación no Programa Abalar, un programa de integración das novas tecnoloxías de información e comunicación nos centros escolares.
-- En relación á Orde do 23 de xuño, que atribúe ao profesorado a custodia dos nenos e nenas transportados e a manipulación informativa que se fixo en torno ás reivindicacións laborais do colectivo docente ante esta medida, e independentemente de que nos solidaricemos con elas ou non, convén entender como afecta todo isto á calidade da educación dos nosos fillos e fillas. O problema non é que o profesorado vaia traballar máis horas con esta reorganización do horario lectivo, senón que ten que seguir restando tempo dedicado a outras actividades educativas de interese para cumprir as funcións que corresponderían a coidadores de transporte que a Consellería non contrata.
- A cifra de alumnado deste e doutros centros segue incrementándose e as infraestruturas seguen sendo as mesmas. Hai carencias de persoal, espazos e materiais. Hai anos que se vén manifestando a necesidade dun novo centro escolar en Oleiros, desde os propios centros, o Concello, mediante a recollida de sinaturas, e a pesar de pór o Concello os terreos a disposición para a construción dun novo centro en Nós a cousa parece que segue estancada, e a poboación segue aumentando.
- Simultaneamente a todos estes recortes e carencias non atendidas no ensino público asistimos atónitos/as e impasibles ás reiteradas concesións, financiamentos e investimentos por parte da Consellería de Educación ao ensino privado e concertado.
- Comunicamos tamén que ante todos estes recortes, e para evitar o prexuizo aos nenos e as nenas, o noso centro está a traballar arreo para ofrecer, agora máis que nunca, unha educación de calidade aos nosos fillos e fillas, facendo o profesorado un grande esforzo persoal que os pais e as nais non podemos deixar de apoiar e agradecer.
- Así mesmo, desde o centro maniféstase a vontade de colaboración para traballar conxuntamente coas familias a favor do ensino público en todo momento.
Por todo isto, un grupo de pais e nais, pensamos e entendemos que é a nosa obriga comprometernos activamente na defensa do ensino público de calidade e manifestamos a nosa intención de iniciar algún tipo de mobilización ou manifestación como medida de protesta e reivindicación.
En principio montaremos un stand informativo o día 11 de novembro, de 16:00 a 18:00 horas, coincidindo co magosto organizado pola ANPA, e convidámosvos a achegarvos e propor ideas e suxestións, así como a vosa colaboración. Ademais pretendemos iniciar contactos coas familias das escolas do noso concello para considerar a posibilidade de actuar conxuntamente na defensa do ensino público. Nesta liña, ademais, estamos construíndo http://familiasoleiroscoensinopublico.blogspot.com, un blog entendido como espazo de información, comunicación e participación accesible e dinámico.
Apostamos polos dereitos dos nosos fill@s, polo seu presente e polo seu futuro…
ESCOLA PÚBLICA: DE TOD@S, PARA TOD@S!
No hay comentarios:
Publicar un comentario