A construción deste blog responde ás inquedanzas e á iniciativa dun grupo de nais e pais na defensa do ensino público e como medio de protesta ou mobilización fronte aos recortes da Administración e a continua desvalorización da educación pública de calidade en Galicia. Denunciamos as dificultades e os crecentes recortes e entendemos que este non é un problema exclusivo do profesorado, aínda que fose este colectivo o que iniciou as manifestacións ao respecto e a pesar de que tanto os medios coma o poder político pretendan facernos crer que isto é exclusivamente un conflito laboral do profesorado.
Os recortes, o desprestixio e as carencias aféctannos a todos e a todas, á calidade da educación dos nosos fillos e fillas, a toda a sociedade e pensamos que non podemos continuar impasibles, que temos o dereito e a obriga de protestar e denunciar publicamente esta situación, e que de non producirse unha auténtica mobilización social, polo menos que se escoite a nosa voz, a nosa disconformidade…
Este blog non ten ningún tipo de vinculación política nin sindical, e unicamente se crea como un espazo de información, comunicación e intercambio de opinións e experiencias cun obxectivo común, a defensa e a revalorización dunha educación pública de calidade.
Este movemento pretende facerse extensivo ás familias de todos os centros educativos do noso Concello, así como a todas aquelas persoas con sensibilidade e interese na reivindicación do dereito dos nosos fillos e fillas á calidade da súa educación nunha escola publica, de tod@s, para tod@s...

21 nov 2011

OS RECORTES NA ESCOLA PÚBLICA






Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza



O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) remite aos Centros esta carta dirixida ás familias na que explican a importancia dos recortes que se están a dar na educación pública, e pregan a súa difusión entre a comunidade educativa:



“Estimadas familias:

A maioría das persoas dedicadas á docencia neste país pensamos que a escola debe ser
universal, con identidade, gratuíta, coeducadora, laica, democrática, integradora,
equilibradora das desigualdades e que atenda á diversidade.
Cremos que debe formar as súas cidadás e os seus cidadáns co obxectivo de integrar a
variedade de estratos sociais, culturas, relixións… que constitúen a sociedade.
Entendemos que a educación pública debe ser o alicerce do desenvolvemento do país e un
mecanismo que garanta a calidade, o rigor na formación, a equidade e a igualdade de
oportunidades para homes e mulleres..
Todo isto esixe, por suposto, un grande esforzo de medios materiais e humanos que esta
Consellería non parece querer asumir, se ben non escatima en desviar cartos cara o ensino
concertado, por exemplo. Que acontece entón? Que a proporción docente / nº de
alumnado, xa de por si elevada, está a ser superada non só en casos excepcionais. Que os
comedores son cada vez máis caros e son substituídos por cáterings. Un servizo
imprescindible como é transporte escolar pasa a decidir a través da empresa que o xestiona,
e con criterios nada pedagóxicos, o horario dos rapaces e rapazas.
A propia Administración pon a miúdo en dúbida os propios valores que está obrigada a
transmitir. Fronte á educación non sexista, subvenciónase con millóns de euros a centros que
segregan por sexo. No canto de equilibrar as desigualdades parece que se quere formar
unha caste de peóns de escasa cualificación. En vez de atender axeitadamente a diversidade,
relégase un sector do alumnado á exclusión do sistema educativo e social. En lugar de
fomentar a integración social conságrase a separación do alumnado en moitos centros
públicos infradotados polo simple feito de atoparse en barrios pouco favorecidos ou en
zonas rurais afastadas. E xa se empezan a oír voces que dubidan da conveniencia dun ensino
gratuíto para todos/as e en todas as etapas, á vez que se concertan estudos non obrigatorios.
Mesmo altos representantes da Consellería de Educación amósanse convencidos do
“incumprimento xeneralizado do horario de traballo dos/as docentes” e, apoiados por algúns
medios de comunicación, están a venderlle á sociedade que o profesorado está integrado
por un fato de lacazáns. Ademais, xustíficanse demagoxicamente as medidas de recorte
referíndose á esixencia de “traballar máis en tempos de crise”.
Pero non se di que estes recortes “necesarios” supoñen a redución de postos de traballo, a
eliminación de agrupamentos específicos, desdobramentos ou outras medidas de atención á
diversidade, a non implementación do acordo de agrupamentos (imprescindible para o
ensino no rural), o aumento das materias afíns impartidas por profesorado de Secundaria
non especialista nas mesmas… Ademais, pódense ofrecer cifras:
máis de 200 mestras e mestres de Primaria (tendo en conta só aos que aprobaron o
ano pasado e este) impartindo materias diferentes á súa especialidade (para as cales,
en moitos casos, non están formadas).
Faltaron por cubrir unhas 240 prazas sobre as xubilacións que houbo (habendo un
aumento do alumnado).
6 unidades de Educación Infantil e 58 de Primaria que desaparecen, e elimínanse
ademais 94 postos de traballo na última modificación dos catálogos.
14 centros suprimidos.



E todo isto vai en detrimento da calidade do ensino, non só das nosas condicións laborais."


No hay comentarios:

Publicar un comentario